CANTO E PANDEIRETA
marta ces
Varios grupos:
Os luns 17:00-18:00 e 20:00-21:00 (INICIACIÓN)
Os mércores 17:00-18:00
Os venres 17:00-18:00
Prezo: 28€
Se vés con crianzas ou persoas dependentes, farémonos cargo de que estean atendidas e a gusto! (De balde para as matrocinadoras e 3€/sesión para as non matrocinadoras
🤝🏻 Se tes dificultade para acceder ao obradoiro, contáctanos para coñecer o noso programa de bolsas.
Nas súas clases, Marta Ces procura que a música tradicional galega se aprenda do mesmo xeito que sempre se transmitiu: de persoa a persoa, compartindo tempo, voces e en comunidade.
Entre todas xeran un espazo onde cada persoa poida sentirse cómoda, onde poida aprender a cantar e a tocar sen medo, sen xuízos. Un lugar onde descubrir a riqueza da nosa música, compartir, rir e desfrutar.
Marta Ces
A música sempre formou parte da súa vida. Dende ben pequena sentiu a necesidade de cantar, bailar e expresarse a través do corpo e da voz. Pasou por diferentes disciplinas artísticas ata que, aos 16 anos, namorou. Descubriu a música e o baile tradicional galego entrando no Grupo Etnográfico A Buxaina de Coruxo, no que aínda segue e onde aprendeu dunha das súas grandes referentes: Margó Gayoso.
Co desexo de seguir aprendendo, incorporouse á ETRAD (Escola de Música Tradicional e Folk) como alumna da especialidade de canto tradicional. Asistiu a diversos cursos e a obradoiros intensivos orientados ao perfeccionamento da técnica vocal e da percusión tradicional vinculada ao canto. Participou en diferentes proxectos musicais, sempre coa intención de seguir medrando como intérprete e como docente.
Aos 17 anos entrou na Orquestra Folk Sondeseu, da que forma parte actualmente.
Durante este percorrido comezou a dar clases en numerosas agrupacións da contorna e tamén comezou a formar parte da agrupación Fiandola.