COLABORACIÓN CON ENTIDADES SOCIAIS
DESENVOLVEMOS PROXECTOS CON MULLERES DE DIFERENTES ENTIDADES SOCIAIS
SOMOS ILLAS…CONECTADAS
Con esta proposta queremos promover o encontro e convivencia de mulleres con diferentes realidades (mulleres migrantes, en situación de exclusión social, mulleres con diversidade funcional e enfermidade mental) nos espazos do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, sendo estes, así como os valores que sustentan o Parque, o elemento xerador das actividades a desenvolver, que terán carácter lúdico, artístico e divulgativo.
Esta iniciativa pretende contribuír ao acceso ao coñecemento do patrimonio natural e cultural do PNIAG dunha parte da sociedade que ten máis dificultades para poder facelo, fomentando ao mesmo tempo o apoderamento e a construción de redes de apoio entre mulleres.
Por que Illas conectadas?
Cada unha das illas do Parque ten a súa propia idiosincrasia, unha xeografía propia, unha historia propia, pero todas están ubicadas nun territorio común conformado polos arquipélagos. Todas comparten un océano común, un medio natural común, e moitos dos animais que as habitan van dunha illa a outra, polinizando, xerando vida. Así, cada unha das mulleres participantes deste proxecto, é unha identidade propia, e é no encontro coas outras, na conexión colectiva, no vivir común e compartido, onde nos construímos como seres humanos.
É tamén a biodiversidade que o PNIAG trata de conservar, unha metáfora social. A biodiversidade fai posible que os ecosistemas cheguen á madurez, así mesmo as sociedades que se articulan en torno á diversidade son sociedades mellores, non só máis xustas, senón tamén máis creativas e eficientes, capaces de xerar solucións e resolver problemas.
Esta proposta permítenos levar á práctica o noso obxectivo de tecer redes de apoio entre mulleres, de colectivizar os coidados entre nós, pero tamén proxectar estes coidados na interacción co medio natural, contribuíndo a desenvolver outras maneiras de estar no mundo, máis amables e menos lesivas.
Entidades sociais coas que realizamos proxectos e colaboracións: ACCEM, Fundación Juan Soñador, Fundación Secretariado Gitano, APAMP, Federación Aspace, Asociación Xaruma, Provivienda, EMAÚS, Plan Comunitario de Teis...
Este proxecto foi posible grazas ás axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia cargo ao Plan de Recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-Next Generation EU para os anos 2022-2023.
O BAÚL: TRÁNSITOS, ENCONTROS E TRANSFORMACIÓNS
Un proxecto de acción comunitaria que promove a a construción de vínculos entre mulleres que viviron ou viven experiencias migrantes contribuíndo á inclusión social, a convivencia e a creación dunha rede baseada no coidado colectivo.
As beneficiarias deste proxecto son mulleres de distintas entidades sociais e asociacións veciñais da cidade e contorna, así como veciñas da nosa cooperativa que teñan vivencias de emigración, que chegaron aquí dende outros países ou que tuveron que emigrar dende Galicia e retornaron.
O proxecto consistirá na realización de encontros entre mulleres con experiencias de migración. Mediante actividades creativas e comunicativas facilitarase a reconstrución das súas historias de vida e o estabelecemento de vínculos que permitan converter as súas vulnerabilidades en oportunidades de mellora da súa vida e a súa contorna.
ESCOLA FEMINISTA: PENSAMENTO, ACCIÓN, CREACIÓN
A Escola Feminista da Morada é un proxecto de intervención comunitaria no que teoría feminista e artes escénicas dialogan para significar as vivencias das mulleres. A Escola constitúe un espazo que busca achegar o pensamento de autoras feministas contemporáneas, aterrando a complexidade das súas propostas teóricas ao cotián; e utilizando o teatro comunitario e a creación escénica como ferramentas para a reflexión e a construción de relatos propios.
Os grupos de mulleres formaranse contando con diferentes entidades sociais de Vigo coas que o proxecto social e comunitario da Morada leva colaborando desde a súa apertura: Secretariado Xitano, Provivienda, Juan Soñador, Emaús, Xaruma, Diversidades, ACCEM e SINTRAHOCU. Ademais participarán veciñas da Morada.
A Escola Feminista organízase en módulos temáticos no que se abordan cuestións centrais da vida das mulleres e amplamente analizadas desde a práctica e a teoría feminista. Cada módulo consta de tres sesións que se desenvolverán en días diferentes.