PRÁCTICA DE MOVEMENTO CREATIVO

AMPARO MARTÍNEZ PAZ

Os luns de 19:00h a 20:30h

35€ ao mes

DESCRICIÓN:

Dirixido a adultos que teñen ganas de mover o corpo

“Privado de movimiento el cuerpo se halla en peligro” Yvonne Berge

“A menor movemento, menor desexo de moverse”, e a miña proposta é tomar conciencia do noso corpo que é o instrumento, a ferramenta para nosa expresión. Imos deixarlle falar ao corpo,habitalo, escoitalo, descubrir o potencial que temos para expresarnos e sentir o beneficio e o pracer que nos proporciona cando nos movemos e a partir de aí, construir a nosa danza.

Como imos afinar o instrumento -o noso corpo-?

Comezaremos cun quecemento a través dun traballo de estiramento muscular, centraremos a nosa atención nas articulacións poñéndolle aire, traballaremos a respiración e aprenderemos a utilizar a enerxía idónea que nos vai permitir desenvolver un movemento fluido e san.

A práctica creativa vai ir da man da Improvisación, ferramenta de axuda para ser máis libres e descubrir o potencial creativo que moitas veces cremos non ter. A creatividade non pertence á pequena tribu dos elexidos como “verdadeiros artistas”. Son  as nosas crenzas erróneas as que non nos deixan cumprir os nosos soños. Sen os puntos de referencia da túa propia experiencia non é posible sacar conclusións. Valoremos os erros como parte do noso aprendizaxe.

AMPARO MARTÍNEZ PAZ:

Amparo Martínez Paz (Vigo, 1958) coreógrafa e bailarina de Danza Contemporánea. Licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación, sempre tivo unha estreita relación coa danza. Dende pequena foi a clases de ballet e o seu interese continuou na súa adolescencia.

Comezou o seu periplo na danza, a docencia e a creación facendo cursos e estadías en Santiago de Compostela, Madrid, Barcelona, Londres, Francia e Nova Iorque.

Becada pola Xunta de Galicia en 1985, foi aceptada na Nikolais/Louis Dance Lab en Nova Iorque. De volta a España participou en diferentes certames coreográficos en Madrid e Barcelona. Realizou os vídeo-danza “Puzzled Feet” (2006) e “Healing”(2021) e participo en diferentes festivales en Vigo, Santiago de Compostela, Atenas, Brasil, Cuba e Venezuela.

En 2019 publícase a Historia da Danza Contemporánea en España onde foi citada como a pioneira da Danza Contemporánea en Galicia.

Na actualidade está inmersa na distribución e difusión das pezas: Retake, O Noso e Ousar; así como no proceso creativo de novas propostas.